Sunday 28 de April de 2024

O concello non lles cobrará o alugueiro ás empresas aloxadas nos viveiros municipai durante o estado de alarma


 

O Goberno local prolongará esta medida ata o segundo mes seguinte ao levantamento do estado de alarma e reforza as medidas de seguridade e hixiene nos centros.

As persoas emprendedoras e empresas aloxadas que desenvolven a súa actividade profesional nos viveiros de empresas do Concello da Coruña comezarán de novo a traballar desde as instalacións municipais.
Para apoiar esta reincorporación, o departamento de Promoción Económica, baixo a dirección da concelleira de Innovación, Industria, Emprego e Consumo, Eva Martínez Acón, está a tomar as medidas en canto a hixienización, reorganización de espazos de traballo e adaptación de horarios.
Ademais, como medida de apoio ás persoas situadas nos viveiros, o Concello acordou a exención do prezo público correspondente ao tempo de permanencia no estado de alarma, polo que se devolverá parte do aboado no mes de marzo.
Recóllese tamén a exención do aboamento do prezo público ata o segundo mes seguinte ao levantamento do estado de alarma. Estas medidas levaranse a cabo de oficio, sen necesidade de que as empresas o soliciten.
Por outra banda, tampouco se terá en conta o tempo transcorrido entre a declaración e o levantamento do estado de alarma de cara ao tempo máximo de estancia permitida nestas instalacións municipais, polo que se prorrogará nunha duración igual ao tempo de estado de alarma.

Desde a Concellería de Innovación, Industria, Emprego e Consumo está a traballarse na implantación doutras medidas de apoio a autónomos/as e pequenas empresas.